Angrois: Un ano despois

angroisEstamos a vísperas das conmemoracións do Dia de Galicia e do Apóstolo Santiago o día 25. Ninguén pode –nin debe– esquecer o que aconteceu hai un ano na liña ferroviaria supostamente de “AVE” a tan só catro quilómetros da urbe compostelá que provocou 79 mortos e máis dun cento de feridas. Aquela noite de traxedia, Galicia púxose á disposición de si mesmo: doazón masiva de sangue, pacientes pedindo a alta dos hospitais para que os máis necesitados puidesen ingresarse.

Mais para as vítimas, afirman o sentimento colectivo de “abandono” e “frustración” –así o califica Cristóbal Fernández, da Asociación de Prexudicados polo Accidente do Alvia de Santiago (Apafas)– que aínda senten após doce meses sen respostas por parte do Goberno central e da Xunta de Galicia. Neste intre,  a empresa encargada pola Renfe, Allianz, esta aínda a traballar para aboar por completo aos 146 afectados as indemnizacións que lles corresponden (o aboamento aos familiares dos falecidos xa está rematado), unha cantidade, como comenta hoxe o Faro de Vigo, que afecta o 40% dos casos e segundo fontes da Renfe xa supera os 6,29 millóns de euros.

Este ano renderase homenaxe ás vítimas durante a cerimonia dos Fogos do Apóstol, mais aínda hai camiño longo para saber quen é –ou quenes son– culpable(s) do sinistro ferroviario español máis grave nos últimos 40 anos. O maquinista só? O interventor por facer a chamada que provocou a falta momentaria de concentración do maquinista? A Adif por non colocar sinais adecuados de advertencia na vía? Até que haxa transparencia e conclúa o proceso xudicial levado a cabo polo xuíz Aláez non o imos saber. O que podemos facer é amosar a nosa solidariedade cos familiares dos falecidos e demais vítimas, reclamando a todos os responsables do país que cumpran co seu deber cara ao público e que nos digan a verdade.

About the author

Jon

View all posts